29 de maio, 2023
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, conmemorará durante este xuño o Día internacional do cooperativismo, que se celebra o próximo 3 de xullo, con visitas abertas á cidadanía para que coñeza entidades de economía social sitas nas catro provincias. A actividade, denominada Os venres cooperativos, está programada desde os polos de emprendemento e apoio ao emprego da Costa da Morte (Coristanco), Miño Central (O Carballiño), Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda) e Lugo Sur (Monforte de Lemos) e se deseñou en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo no que están representados administracións, institucións e entidades.
A primeira xornada de portas abertas, organizada polo Costa da Morte, celebrarase en Ames (A Coruña), na cooperativa Clun o 2 de xuño de 12,00 a 14,00 horas. As persoas participantes percorrerán as instalacións de Clun e coñecerán o traballo que desenvolve esta entidade agraria. Tamén escoitarán de primeira man a experiencia da cooperativa Casa do Maior, unha fórmula desenvolvida na Costa da Morte para xerar autoemprego no eido dos coidados a persoas maiores.
O segundo venres cooperativo terá lugar en Ribadavia (Ourense) o 9 de xuño, coa colaboración de Viña Costeira e Xeitura tamén en horario de mañá (de 12,00 a 14,00) e organizado desde o polo situado no Carballiño. Nesta ocasión a actividade terá como sede as dependencias desta bodega referente da denominación de orixe Ribeiro e contará coa presenza tamén de representantes da cooperativa Xeitura (radicada en Allariz) que desde o ano 2012 ofrece servizos culturais, medioambientais e de ocio.
O programa inclúe cadansúas actividades previstas nas provincias de Pontevedra e Lugo Sur. O 16 de xuño celebrarase un encontro, organizado desde o polo de Silleda, na cooperativa Horsal coa colaboración da Factoría Atelier en horario de tarde (de 16,00 a 18.00 horas).
Horsal é unha firma que desde Cambados (Pontevedra) se dedica á produción e comercialización de hortalizas, combinando a tradición e a innovación. Factoría Atelier, pola súa banda, traballa desde Santiago de Compostela na elaboración de decoración artesanal a partires de materiais recuperados.
O polo Lugo sur, situado en Monforte de Lemos, pola súa banda, celebra un evento similar nas entidades Aira e Milhulloa o venres 23 de xuño ás 12,00 horas. O encontro celebrarase nas dependencias de Aira no parque empresarial de Taboada en Lugo, na factoría da que cada ano saen máis de 200.000 toneladas de penso. Na actividade exporá o seu traballo tamén Milhulloa que desenvolve a súa actividade no eido da cosmética natural e ecolóxica con sede en Palas de Rei.
Para participar nas actividades programadas é preciso realizar a inscipción a través do formulario web: http://polosemprendemento.gal/calendar/os-venres-cooperativos.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia busca poñer en valor o emprendemento na economía social como fórmula que se basea na proximidade, no benestar, na sustentabilidade e na creación de emprego estable e de calidade. En paralelo, dase a coñecer o servizo de asesoramento que brindan os polos autonómicos para levar a bo termo os proxectos empresariais en cada unha das súas fases e se favorecen as relacións comerciais e de colaboración entre as e os asistentes.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024