29 de maio, 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo unha xuntanza co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos-Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (UPTA), Eduardo Abad, para avaliar as principais necesidades deste colectivo que en Galicia representa preto do 20 % do total de afiliacións.
Durante o encontro, González destacou o esforzo da Xunta de Galicia por apoiar de forma transversal ao colectivo autónomo, clave no tecido produtivo galego e no pulo de sectores absolutamente estratéxicos como o primario, a industria, a construción ou o comercio, mediante políticas públicas que inciden en ámbitos prioritarios como a remuda xeracional, o emprendemento, a formación continua e o acompañamento personalizado.
Na xuntanza tamén se avaliou a eficacia do programa de UPTA apoiado pola Xunta Emprende. Intégrate, orientado a canalizar o talento emprendedor chegado de fóra de España. En 2024, o programa asesorou a 202 persoas estranxeiras e está previsto que outras 200 reciban atención personalizada na segunda edición neste 2025. A iniciativa ofrece asesoramento individualizado e xornadas formativas para dar a capacitación básica para exercer unha actividade por conta propia, con especial atención ao emprendemento feminino, a contorna rural e os sectores emerxentes.
A este respecto, González puxo en valor tamén os máis de 32 M€ destinados este ano pola Xunta a fomentar o emprendemento, a través de servizos como a Rede de polos, que leva atendidos arredor de 4.000 proxectos desde 2022. Subliñou, ademais, o compromiso da Xunta coa remuda xeracional, especialmente a través do Bono remuda, que por vez primeira tamén apoia a quen traspasa un negocio por xubilación. Tamén se referiu á recente publicación da convocatoria de axudas para novos proxectos emprendedores, con 6,7 M€, e ás achegas Retorno Emprendedor, enfocadas ás persoas galegas retornadas.
Apoio ao colectivo autónomo
O conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta como administración facilitadora e sempre aberta a escoitar, fronte á falta de apoio e iniciativas por parte do Goberno central, que segue sen dar resposta ás principais demandas do colectivo de autónomos. Neste senso, destacou a importancia da Mesa do autónomo, que o Executivo autonómico mantén activa para deseñar políticas útiles e realistas, con especial atención ás necesidades reais do territorio.
Galicia mantén abertas convocatorias como a de axudas unificadas ao colectivo, con máis de 40 M€ dispoñibles ata o 30 de setembro, e ferramentas innovadoras como o chatbot de intelixencia artificial para resolver dúbidas na Oficina virtual do emprego autónomo, ou a futura Academia virtual para persoas traballadoras autónomas, un espazo dixital de formación e asesoramento que permitirá mellorar a xestión e rendemento das súas actividades. Esta plataforma ofrecerá contidos accesibles en todo momento, flexibles e adaptados ás necesidades do colectivo, cun enfoque práctico sobre trámites, fiscalidade ou rendibilidade.
O conselleiro destacou tamén o peso específico do comercio, no que o tecido autónomo ten un protagonismo fundamental. Neste ámbito, avanzou medidas recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 M€ para fortalecer a visibilidade e dinamización do sector. Con este plan, a Xunta aposta por construír un comercio galego máis competitivo, moderno e conectado coa sociedade, garantindo a súa continuidade e papel esencial nas vilas e cidades.
29/05/2025
27/05/2025
12/05/2025