Noticia_img

A Xunta destaca en Santiago o papel da Rede de Polos no impulso ao emprendemento sostible

09 de xullo, 2025

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na capital galega na mesa redonda `Situación, retos e oportunidades do emprendemento en Compostela´

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

 

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na capital galega na mesa redonda Situación, retos e oportunidades do emprendemento en Compostela, xunto con outros representantes municipais e da Unión de Cooperativas EspazoCoop. O panel de expertos enmárcase dentro da xornada Tes un proxecto? Faino en Santiago, cuxo obxectivo é construír unha economía máis próxima e xusta a través do apoio a proxectos que sexan sostibles económica, social e ambientalmente.

 

Na súa intervención, Marta Mariño destacou a aposta estratéxica do Executivo galego a favor do emprendemento, facendo fincapé no labor da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego —iniciativa pública posta en marcha en xullo de 2022—, que ofrece de forma gratuíta, a través das súas 15 oficinas, un servizo de asesoramento individualizado, tanto para quen desexa emprender na Comunidade como para quen xa iniciou a súa actividade e busca consolidala. A Rede, ademais, pon un foco especial no ámbito rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e facer fronte ao reto demográfico levando ata o momento preto de 4.400 proxectos asesorados.

 

 

Neste contexto, o Polo de Melide —que abrangue a área xeográfica de Santiago de Compostela—, desde a súa creación no ano 2023, ten atendido máis de 250 proxectos e realizado preto de 85 actividades, entre reunións con entidades, accións formativas e eventos organizados no marco da Rede. Cómpre salientar que, na actualidade, o número de mulleres emprendedoras representa un 56% do total de persoas asesoradas.