Noticia_img

Xornadas para impulsar as sinerxías entre os sectores agroalimentario e turístico en Ancares Terras de Burón

16 de xuño, 2023

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego Montaña Lucense organizou dúas xornadas de traballo para impulsar as sinerxías entre os sectores agroalimentario e turístico en Ancares Terras de Burón.

A xefa territorial de Lugo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pilar Fernández López, participou no evento froito da colaboración do Polo Montaña Lucense co GDR3 Montes e Vales Orientais.

 

Os días 14 e 15 de xuño tiveron lugar en Navia de Suarna e A Fonsagrada dúas xornadas enmarcadas no evento “Impulso ás sinerxías entre o sector turístico e agroalimentario na Despensa de Ancares Terras de Burón”, unha iniciativa do Polo de emprendemento e apoio ao emprego Montaña Lucense en colaboración co GDR3 Montes e Vales Orientais.

 

O obxectivo da actividade era unir aos sectores turístico e agroalimentario de Ancares Terras de Burón cunha proposta moi concreta: “A despensa de Ancares Terras de Burón”, un espazo que os negocios de aloxamento que ata o de agora non ofrecen servizo de comida aos seus clientes poidan poñer a disposición dos hóspedes un servizo de cociña de calidade elaborada por dous axentes con forte implantación no territorio: a cooperativa A Carqueixa e a Asociación de Gandeiros A Fonsagrada (ASGAFON). A oferta complementarase con outros produtos como pan, mel, queixos, conservas, doces, viños ou cervexas, todos eles da zona Ancares Terras de Burón.

 

O mércores 14 xuntáronse en Navia de Suarna vintedúas persoas para coñecer a proposta de comidas de A Carqueixa. Esta primeira xornada celebrouse no Café Xegunde, onde se cociñan os produtos desta cooperativa.

 

Ao día seguinte, o xoves 15, dezasete persoas pudieron coñecer a oferta de ASGAFON e outros produtores da zona no local que a Asociación ten en A Fonsagrada.

 

A acollida da iniciativa foi moi satisfactoria e xa son 23 os establecementos turísticos adheridos a este novo proxecto.

 

Máis aló da presentación da proposta, o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Montaña Lucense vai desenvolver un labor de asesoramento cos establecementos participantes para o deseño e a incorporación deste novo servizo á súa oferta comercial.

 

Os polos de emprendemento e apoio ao emprego levan a cabo unha prospección de potencialidades de emprendemento e de necesidades no territorio no que se asentan. Neste caso, sendo moi recente a inauguración do Polo Montaña Lucense en A Fonsagrada, a colaboración establecida co GDR 3 Montes e Vales Orientais foi fundamental para unha definición tan rápida desta iniciativa, constituíndo esta cooperación unha boa práctica que pode servir de exemplo para outras actuacións.

 

A actividade enmárcase no conxunto de iniciativas que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego busca poñer en marcha nos diferentes territorios para potenciar o emprendemento, aproveitando os recursos locais.

 

Na actualidade Galicia conta con 8 Polos de emprendemento xa en marcha: Ourense Centro e Sur (Verín); Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda); Costa da Morte (Coristanco); Lugo Sur (Monforte de Lemos), Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol), Montaña Lucense (A Fonsagrada), A Mariña (Mondoñedo) e Miño Central (O Carballiño).

 

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego Montaña Lucense está prestando asesoramento actualmente a 29 persoas emprendedoras con 24 ideas de negocio de diversos sectores de actividade.