27 de maio, 2025
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá xunto co alcalde do municipio, Gonzalo Durán, na xornada Amas da terra organizada no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Vilanova de Arousa, co obxectivo de dinamizar o talento feminino e o emprendemento da muller no eido rural. Nesta actividade —desenvolvida en formato charla-taller— os participantes coñeceron de primeira man experiencias de emprendedoras na súa terra e puideron explorar as oportunidades que ofrece o territorio, poñendo en valor os recursos naturais e os elementos patrimonais da zona.
A actividade estrutúrase en dúas partes, unha primeira de inspiración na que se presentará o proxecto e casos reais como Anónimas Viticultoras ou Salmoira, e unha segunda de traballo colaborativo, na que se abre un espazo para a reflexión e identificar necesidades do sector, propoñendo solucións desde a colectividade. Esta xornada, replicarase nas sedes dos Polos de Verín, Mondoñedo e Melide co gallo de difundir o programa Amas da terra para dar visibilidade as mulleres que forman parte, dalgunha forma, da gastronomía galega.
Na súa intervención, Marta Mariño fixo fincapé no labor da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. Neste marco, o Polo de Vilanova de Arousa, desde a súa creación en novembro do ano 2024 leva máis de 150 proxectos atendidos e preto de trinta actividades realizadas entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede, resaltando que actualmente o número de mulleres emprendedoras atópase no 59% sobre o total de persoas asesoradas.
29/05/2025
27/05/2025
12/05/2025