Noticia_img

Unha rede de 12 polos, dos que 5 funcionarán neste ano.

09 de agosto, 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou o pasado 18 de xullo o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Verín, o primeiro dunha rede de 12 que a Xunta prevé abrir en Galicia para fomentar a iniciativa empresarial, dinamizar o mercado de traballo e fixar emprego, atendendo as demandas dos diferentes territorios.

Tal e como destacou a conselleira, o de Verín é o primeiro dos cinco polos que a Administración galega tenprevisto estrear este mesmo ano cun investimento de 12 millóns de euros. Lorenzana destacou esta iniciativa, porque vai permitir “casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica de Galicia”. A través da súa distribución por comarcas poderase “dinamizar o mercado de traballo procurando a interactuación entre os ámbitos rurais e urbanos”, recalcou.

 

O pasado 29 de xullo procedeuse á inauguración do segundo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego, esta vez o correspondente á área de Pontevedra Norte e Rías Baixas, situado en Silleda. Esta dotación é a segunda que se pon en marcha e haberá outros tres antes de que acabe este ano en Coristanco, Monforte de Lemos e Ferrolterra.

 

O modelo de polos aspira, así, a converterse nunha plataforma eficaz de dinamismo laboral, por iso é polo que os obxectivos destas ferramentas -ademais de asentar poboación e establecer sinerxias entre o rural e o urbano- pasen por crear máis emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento, fixar emprego, lograr a efectiva igualdade de xénero e modernizar o ecosistema emprendedor. “A través dos polos, queremos unir recursos e impulsar proxectos innovadores que fomenten a inserción laboral e o emprego de calidade”, incidiu a conselleira.