Noticia_img

Últimos pasos para a posta en marcha do Polo de emprendemento de Pontevedra Leste e Sur que dará servizo a 28 concellos desde O Porriño

24 de agosto, 2023

Este centro forma parte da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e inaugurarase previsiblemente no último trimestre deste ano dando cobertura a un total de 28 concellos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, visitou as instalacións do Polo de emprendemento de Pontevedra Leste e Sur no Porriño para supervisar o estado das obras. Este centro forma parte da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e inaugurarase previsiblemente no último trimestre deste ano dando cobertura a un total de 28 concellos.

En concreto, o secretario xeral destacou que asesorará ás persoas interesadas dos municipios de Poio, Bueu, Marín, Pontevedra, Moaña, Cangas, Vilaboa, Soutomaior, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Campo Lameiro, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Porriño, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Tui e Forcarei.

 A Xunta leva asesorado case medio milleiro de proxectos na súa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que actualmente conta con oito centros activos en Galicia. En total, arredor de 500 persoas emprendedoras -o 60% delas mulleres- recibiron preto de 1.500 titorías para sacar adiante as súas iniciativas, entre as que destacan as relacionadas co comercio, coa hostalaría ou coa agricultura, a gandaría e a pesca.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación, facendo especial fincapé no emprendemento rual. Así, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase do proxecto empresarial, do comezo ao fin. Neste sentido, dos case 500 proxectos asesorados, máis de 400 atópanse activos nestes momentos.

Oito polos activos
Actualmente, están operativos oito polos: Costa da Morte, Rías Altas e Arco Ártabro, A Mariña, Montaña Lucense, Lugo Sur, Pontevedra Norte e Rías Baixas, Miño Central e Ourense Centro e Sur. O obxectivo é convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, erixíndoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado. Nesta liña, a final de ano a Rede estará conformada por quince polos, que cubrirán o cen por cento do territorio galego.