Noticia_img

O presidente da Xunta participou na inauguración do novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego da Fonsagrada, que dará servizo a 16 concellos.

29 de marzo, 2023

Pon en valor que os Polos que están xa en funcionamento impulsaron en menos dun ano 209 proxectos empresariais, dos que o 57 % foron iniciativas lideradas por mulleres. Avanza a intención de crear, en total, 15 Polos en toda Galicia, tres deles de carácter urbano.

A Fonsagrada (Lugo), 28 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que a rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego que fomenta o Goberno galego cubrirá o cen por cen do territorio para apoiar a creación de emprego e de novas iniciativas laborais. O titular do Goberno galego participou, acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na inauguración do novo servizo con sede na Fonsagrada, que dará cobertura a 16 concellos da Montaña lucense. 

O mandatario galego recordou que os Polos de emprendemento son unha ferramenta axeitada para facilitar as condicións e crear un ambiente favorable para que empresas e emprendedores poidan crear postos de traballo con futuro na zona na que se asentan, porque aglutinan todos os recursos coa visión posta nas particularidades de cada territorio, nas súas necesidades e oportunidades. “E para facelo -subliñou Rueda- hai que ir onde está a xente”. 

Como paso previo á posta en marcha do Polo, o Goberno galego acende o botón do Sistema de Información e intelixencia territorial (SIE), que pode detectar actividades económicas con potencial. Unha vez exploradas as oportunidades, o servizo ofrece asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, identificación de recursos e captación de investimento e financiamento. 

 

15 Polos dando servizo a todo o territorio galego

O novo polo da Montaña lucense únese ao Polo do Carballiño que botou a andar esta semana, e os dous súmanse aos cinco que hai xa en funcionamento en Verín, Silleda, Coristanco, Ferrol e Monforte. En menos dun ano atenderon a 220 persoas e impulsaron 209 proxectos empresariais, dos que o 57 % foron iniciativas lideradas por mulleres. 

Os restantes cubrirán as áreas territoriais das Mariñas, Lugo Central, Pontevedra Leste e Sur, Terras de Santiago e Valdeorras. A maiores, está previsto crear tres de carácter urbano, un deles en Vigo. Deste xeito, será unha rede de 15 Polos en Galicia a que dará servizo á totalidade do territorio galego, e á que a Xunta destinará 9,2 millóns de euros neste 2023. “Así é como se equilibra o territorio”, asegurou o presidente da Xunta. 

Logo de escoitar os testemuños dos emprendedores da área territorial do novo Polo da Fonsagrada, Alfonso Rueda amosouse satisfeito polo “moitísimo talento” que hai na montaña lucense, e alegrouse de que na comarca haxa 16 concellos “nos que se pode dicir á veciñanza que, se teñen unha idea, aquí estamos para escoitala”.  

 

Estratexia Xempre Contigo

Os Polos están a amosarse como unha ferramenta moi útil dentro dunha planificación global da Xunta a prol do emprego: a Estratexia Xempre Contigo, que ten como obxectivo crear emprego de calidade, impulsar o emprendemento e mellorar as capacitacións das persoas. A posta en marcha desta iniciativa implicou un cambio profundo nas oficinas do servizo público de emprego para casar mellor a oferta e a demanda. O Goberno galego puxo en marcha, ademais, a Estratexia Galicia Retorna para favorecer o regreso dos galegos no exterior e ofrecerlles unha oportunidade laboral e un proxecto de vida aos descendentes dos que un día tiveron que emigrar. 

A Xunta destina este ano 18,2 millóns de euros a políticas emprendedoras, un investimento que se suma aos máis de 100 millóns destinados a traballadores autónomos e a economía social. En definitiva, unha rede de apoio para que o emprego e a actividade emprendedora xermole por toda Galicia.