Noticia_img

O Polo Lugo Sur asesora 26 proxectos emprendedores impulsados por 28 persoas desde Monforte de Lemos.

05 de maio, 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nunha xornada de intercambio de boas prácticas e de impulso das oportunidades de negocio do territorio galego.

O Saviñao (Lugo), 5 de maio de 2023

 

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nunha xornada na adega Abadía da Cova organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Lugo sur (sito en Monforte de Lemos) para dar a coñecer as boas prácticas de empresas da provincia.

No acto titulado Conectando o polo co sector primario de transformación, a directora xeral puxo en valor a “velocidade de cruceiro” que está a tomar o Polo de emprendemento Lugo Sur que xa asesora a 28 persoas que están a liderar 26 proxectos empresariais activos.

Tal e como destacou a representante autonómica a Ribeira Sacra, ademais de ser unha das rexións máis fermosas de Galicia, é “fonte de inspiración para moitas persoas emprendedoras”. “Esta área xeográfica ofrece gran cantidade de oportunidades a diferentes sectores, entre eles ao sector primario de transformación que desempeña un papel fundamental na economía deste territorio”, engadiu.

Na sesión de hoxe, organizada polo Polo de Lugo Sur déronse a coñecer as boas prácticas de empresas como Adegas Moure, Casa da Fonte, Gandería Poluan, Airas Moniz e Tuta Fruta Eco Products. A través dunha dinámica de traballo colaborativo, as persoas participantes puideron traballar na identificación, a partir das necesidades do sector primario, os principais retos que poden xerar oportunidades de negocio.