Noticia_img

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas organizou unha xornada de traballo para favorecer o relevo xeracional no sector panadeiro

09 de febreiro, 2023

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron no Recinto feiral ABanca Semana Verde de Silleda no evento Conectando o polo co sector da panadería, nacido da colaboración do Polo Pontevedra Norte e Rías Baixas, radicado nesta localidade, coa Asociación de amigos da empanada de Bandeira.

Este martes día 7 tivo lugar na Feira Internacional de Galicia- A Banca – FIG Silleda, o evento “Conectando o Polo co sector da panadería. Mini hackaton. Co-creando solucións aos retos do sector”, unha iniciativa do Polo Emprendemento e Apoio ao Emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas coa colaboración da Asociación de amigos da empanada de Bandeira que contou coa participación da EFA Piñeiral- Centro de formación profesional de Arzúa.

A actividade tivo como obxectivo profundar conxuntamente nos seguintes retos que aborda o sector de panadería: promover a creación de novos negocios no sector da panadería e facer atractiva a profesión de panadería para as novas xeracións.

Un total de 40 persoas de perfís diferentes e multidisciplinares (estudantes e docentes e profesionais do sector) traballaron durante 4 horas a través de dinámicas grupais de innovación, na identificación de problemáticas e oportunidades para crear solucións aos retos propostos e facilitar a creación de novos negocios innovadores no sector da panadería.

Como conclusións apareceron liñas concretas de actuación para poñer en valor a profesión mediante obradoiros abertos ao público, xornadas de difusión innovadoras en institutos que realmente reflictan formas alternativas de traballar en panadería, e tamén novas posibilidades de negocio como: fomentar a venda en novos formatos e unha imaxe de marca dixital propia e de calidade que conecte mellor coas novas tendencias de consumo, sobre as que se poden desenvolver proxectos e accións concretas e con aplicación real.

Esta actividade enmárcase nun conxunto de actividades que a Rede Polos de emprendemento e apoio ao Emprego poñe en marcha para conectar os polos cos sectores que, en cada territorio, teñen potencial de xerar oportunidades de emprendemento.

Na actualidade Galicia conta con 5 centros xa en marcha: Ourense Centro e Sur (Verín); Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda); Costa da Morte (Coristanco); Lugo Sur (Monforte de Lemos) e Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol). Nestas oficinas estase a dar cobertura a máis de 140 concellos, cubrindo o 45% do territorio galego. Antes de que remate o ano, abriranse os outros sete centros para chegar ao 100% da poboación galega.

O Polo de emprendemento e apoio ao Emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas está prestando asesoramento actualmente a 44 persoas emprendedoras con 37 ideas de negocio de diversos sectores de actividade.