Noticia_img

Lorenzana salienta en Verín o labor da rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo no territorio.

16 de maio, 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na apertura dunha xornada sobre experiencias enogastroturísticas organizada desde o Polo Ourense Centro e Sur.

Verín (Ourense), 15 de maio de 2023.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou hoxe “o potencial” que ten a comarca de Verín para xerar emprego no sector do turismo enogastronómico. Na apertura da xornada organizada desde o Polo de emprendemento Ourense Centro e Sur para a co-creación de experiencias enogastroturísticas nesta zona, Lorenzana sinalou que a conxunción da enoloxía e a gastronomía, unida ao patrimonio cultural-arquitectónico e ao entorno natural da comarca, é unha oportunidade para que o emprego en Galicia siga crecendo.

Para contribuír a este reto, a conselleira sinalou o importante labor que está a desenvolver a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo no territorio. Tal e como describiu, trátase dunha rede que conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio que, precisa, tal e como puxo en valor Lorenzana, “do apoio das entidades locais, concellos, mancomunidades e comarcas”.  

Nos polos que actualmente están activos (serán 15 a finais deste ano) e que xa prestan cobertura ao 100 por cento da xeografía galega, acompáñase ás emprendedoras e emprendedores galegos nos seus proxectos, desde principio ao fin, ao tempo que se celebran actividades de difusión da cultura emprendedora nas que se fomentan o intercambio de ideas e coñecementos. É o caso da xornada que tivo lugar hoxe no Parador de Verín coa que se tratou desde o polo Ourense Centro e Sur potenciar actuacións relacionadas coa enoloxía e a gastronomía.

O polo, con sede no Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín, foi o primeiro da Rede que empezou a funcionar, en xullo de 2022. Actúa sobre as bisbarras de Verín, Viana, A Limia, A Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Trives. En total, 36 concellos.

O espazo conta con despachos, cunha zona de coworking con wifi, ordenadores e teléfonos a disposición das persoas emprendedoras, e tamén cunha zona de innovación con impresoras 3D. Así mesmo, dispón dunha sala para a organización de actividades formativas e sesións de networking para a xente que queira ampliar coñecementos ou xuntarse con outras persoas na súa mesma situación ou intereses.