Noticia_img

A Xunta promove o emprendemento feminino na comarca do Salnés a través de ferramentas clave como o Polo de Vilanova de Arousa

12 de marzo, 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, pechou esta tarde a terceira edición do foro ‘O Salnés emprende con M’ organizado pola Mancomunidade do Salnés e o Centro de Información á Muller (CIM) da comarca Puxo en valor os máis de 3.500 proxectos atendidos no conxunto da Rede de polos polo emprendemento e apoio ao emprego e destacou o seu papel na xeración de oportunidades e no fortalecemento do liderado empresarial das mulleres

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no peche da terceira edición do foro de emprendemento O Salnés emprende con M, organizado pola Mancomunidade do Salnés e o Centro de Información á Muller (CIM) da comarca. Esta xornada —na que tamén estivo presente o alcalde de Cambados, Samuel Lago— ten como obxectivo abordar unha axenda común no marco do emprendemento feminino en Galicia, coñecendo experiencias directas de empresarias da contorna para poder establecer conexións e sinerxías.

 

Na súa intervención, Pablo Fernández destacou o valor deste tipo de actividades para dar visibilidade e poder analizar a situación actual das mulleres no eido do emprendemento, intercambiando experiencias, discutindo as medidas necesarias para combater as disparidades e promovendo unha maior participación feminina nos proxectos empresariais. A este respecto, salientou o compromiso do Goberno galego coa xeración de oportunidades e o fortalecemento do liderado feminino a través de iniciativas como a rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego impulsada pola Xunta. Así, desde a súa creación, xa se levan atendido no conxunto das 15 oficinas repartidas por toda Galicia máis de 3.500 proxectos, arredor dun 60 % promovidos por mulleres. Precisamente o último centro inaugurado da rede foi o Polo de Vilanova de Arousa—que comprende a comarca do Salnés na súa área de actuación—, que desde a súa apertura o pasado mes de novembro xa asesorou 90 proxectos de emprendemento, máis da metade de mulleres.

 

Apoio aos autónomos e á conciliación

En paralelo, o secretario xeral destacou que promover a conciliación —unha das principais barreiras á hora de iniciar un proxecto por conta propia— é clave para seguir potenciando o emprendemento feminino. Neste senso, puxo en valor q nova orde unificada de axudas para autónomos, dotada con máis de 40 millóns de euros, conta, entre outras medidas, cunha liña de achegas específicas para a conciliación, dotada cun orzamento de 1 M€. Deste xeito, busca apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia e dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes. Tamén prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo.

 

Fernández tamén puxo en valor outras iniciativas como a efectividade do plan formativo do Campus en liña en materia de igualdade laboral, o futuro decreto polo que se regulará a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do 3º sector recoñecidas con este selo, ou a liña para promover a presenza feminina en sectores masculinizados dotada con 1,7M€ no marco do programa global Galicia Emprega.