08 de febreiro, 2024
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe nun acto do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Mondoñedo a prol do emprendemento xove. Alí, destacou os máis de 270 proxectos que se teñen atendido nos Polos lucenses, máis de medio cento deles no centro mindoniense.
A actividade de hoxe busca estimular a creatividade e facilitar o intercambio de ideas, fomentando a exploración de oportunidades de emprendemento. A través de distintas experiencias de persoas mozas en primeira persoa, ábrese así un foro de debate para impulsar a mentalidade emprendedora e proporcionar á xente nova unha serie de coñecementos prácticos.
O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado en calquera fase en que se atope os proxectos empresariais, de principio a fin. O obxectivo é facer dos Polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.
A Rede leva atendido máis de 1.200 proxectos en toda Galicia, dos que máis de 270 se asesoraron na provincia lucense. Entre o máis de medio cento de iniciativas que chegaron ao Polo de emprendemento de Mondoñedo, predominan as relacionadas coa hostalaría, seguidas das relativos ao comercio e das que teñen que ver coa agricultura, a gandaría, a silvicultura ou a pesca.
O secretario xeral aproveitou a xornada para visitar as instalacións que xa están listas para acoller o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Sarria, que comezará a funcionar en breve.
Este centro elevará a cinco o número de Polos da provincia de Lugo, tras os de Mondoñedo, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Friol. A nivel galego, suporá o número trece, para seguir dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024