Noticia_img

A Xunta pon de relevo que o 57 % dos proxectos atendidos no Polo de emprendemento de Coristanco están impulsados por mulleres

19 de abril, 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou no evento ‘Muller rural emprendedora, desafíos e oportunidades’ celebrado en Santa Comba e organizado desde este Polo coruñés. Salientou que -desde a súa inauguración en outubro de 2022- o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco ten atendido máis de 170 iniciativas, impulsadas por emprendedores cos que se realizaron preto de 900 titorías. O conxunto da provincia da Coruña aglutina máis de 500 iniciativas -no centro de Coristanco e nos de Ferrol e Melide- entre as que destacan as relacionadas co sector servizos, seguidas das do sector primario e da hostalaría.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no evento Muller rural emprendedora, desafíos e oportunidades organizado desde o Polo de emprendemento de Coristanco coa colaboración da Asociación de Empresarias da Coruña (AECO) e da Asociación de Empresarias Rurais (ASER). Alí, destacou que precisamente o 57 % dos máis de 170 proxectos atendidos no centro coristanqués están impulsados por mulleres.

Entre o total de proxectos que se levan asesorado desde a inauguración do Polo en outubro de 2022, destacan os relacionados cos servizos (19 %), seguidos da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (16 %) e da hostalaría (15 %). Para o seu desenvolvemento, téñense realizado preto de 900 titorías, case un cento de reunións con entidades do territorio e máis dunha decena de accións formativas. Tamén sete eventos como o de hoxe, ademais de terse participado noutra decena de actos externos.

A actividade celebrada en Santa Comba busca proporcionar un espazo interactivo e enriquecedor para as mulleres emprendedoras que traballan no rural. Así, analizaranse os desafíos específicos que enfrontan, así como oportunidades para o crecemento e desenvolvemento dos seus negocios.

A actividade tamén busca crear conciencia sobre o papel crucial das mulleres no ámbito empresarial rural e empoderalas para liderar e contribuír ao desenvolvemento económico do seu territorio. Nesa liña, ademais de representantes das asociacións de empresarias coruñesas e de empresarias rurais AECO e ASER, participarán emprendedoras para falar das súas experiencias no sector. En concreto, dun laboratorio para a análise de ensilados e forraxes, dunha empresa agroalimentaria, dunha consultora inmobiliaria e dunha granxa escola.

O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural. A Rede está a dar apoio tamén -a través dun Plan de remuda xeracional- para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo. 

No conxunto da provincia da Coruña, téñense atendido máis de 500 iniciativas -no centro de Coristanco e nos de Ferrol e Melide- entre as que destacan as relacionadas co sector servizos, seguidas das do sector primario e da hostalaría. Un 9 % desas iniciativas son proxectos de remuda.