30 de agosto, 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o Polo de emprendemento e apoio ao emprego desta localidade pontevedresa, poñendo de relevo que desde a súa posta en marcha a finais do ano pasado ten atendido máis de 370 proxectos mediante arredor de 750 titorías. Así, Mariño recordou que a Rede de polos con 14 centros activos en todo o territorio galego presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten.
No caso das iniciativas atendidas no Porriño, un 63% delas están impulsadas por mulleres. Entre o conxunto das titorizadas destacan as do sector servizos (31%), seguidas da hostalaría (12%) e da educación (11%). Así mesmo, ao abeiro do Polo do Porriño téñense realizado máis dunha trintena de accións entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos da Rede.
A directora xeral engadiu que no conxunto da provincia de Pontevedra -que conta tamén co Polo de Silleda- téñense titorizado máis de 600 iniciativas empresariais mediante unhas 1.300 titorías. Acadando un 60% de proxectos impulsados por mulleres, destacan os relacionados cos servizos, seguidos do comercio e da hostalaría.
A responsable autonómica lembrou que está activo -no marco da Rede de polos- o Bono Remuda, para que as persoas interesadas en facerse cargo dun negocio viable economicamente que pechou -ou está a piques de pechar- poidan coller as rendas da empresa e sufragar coa axuda da Xunta parte dos gastos de transmisión. Cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o prazo de solicitude está aberto deica o 30 de outubro.
Os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento. A remuda debe ser por xubilación ou próxima xubilación do titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.
O Bono Remuda conta con dúas liñas de axuda. Á Liña 1-Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, destínase 1 millón de euros e fíxase un 75% de porcentaxe de subvención respecto do prezo estipulado no contrato de remuda. Mentres, a Liña 2-Bono remuda xeral, para municipios de 5.000 habitantes ou máis, conta con medio millón de orzamento e a porcentaxe de subvención será do 70%. Se se trata de remuda mediante alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe da achega será o correspondente aos primeiros 18 meses de aluguer.
No caso do Bono remuda rural, a axuda subirá un 10% cando a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada, estranxeira ou empadroada no concello onde está a actividade que se traspasa. Ademais, nas dúas liñas haberá un 5% de aumento se quen se fai cargo é muller, menor de 30 anos, con 52 anos ou máis ou se o negocio traspasado ten máis de 5 traballadores. En total, a contía máxima subvencionable será de 30.000 euros.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024