17 de abril, 2023
Verín (Ourense), 17 de abril de 2023.- A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron hoxe na actividade de peche da Semana do Emprendemento que leva celebrando a Xunta desde o pasado martes 11 de abril para dar a coñecer o servizo de asesoramento permanente e personalizado que está a prestar á cidadanía a Administración autonómica desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
Deste xeito, asistiron á xornada Speed dating que organizou o Polo Ourense Centro e Sur, con sede en Verín, co obxectivo de lograr entre as persoas emprendedoras unha comunidade máis forte e que poidan comprobar a súa capacidade para poder presentar o seu proxecto de maneira práctica. Na sesión, deste xeito, os participantes falaron sobre eles e o seu proxecto nun minuto, a través dunha dinámica que se caracterizou polo discurso breve e intenso, eficaz e claro. Posteriormente, os participantes contaron cun espazo para intercambiar as súas impresións e poder crear unha comunidade de emprendemento na provincia.
No acto, ao que asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as responsables das áreas de Apoio ao Emprego e Emprendemento da Consellería explicaron as características principais da Rede de polos que puxo en marcha o Goberno galego para apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, desde o inicio ata o fin.
Na actualidade, están en activo oito polos: os de Lugo Sur, no que se dá este servizo a 9 concellos do sur da provincia; Costa da Morte, que dá cobertura a 29 concellos; Rías Altas e Arco Ártabro, que desde Ferrol ofrece asesoramento a 40 concellos das comarcas da contorna (A Coruña, Ferrol, Eume, Betanzos e Ortegal); Pontevedra Norte e Rías Baixas, que presta desde Silleda apoio ás persoas emprendedoras de 25 concellos; Ourense Centro e Sur, con sede en Verín; A Mariña en Mondoñedo, que presta servizo aos 15 concellos das comarcas A Mariña Central, Occidental e Oriental; Montaña Lucense, que desde A Fonsagrada dá cobertura a 16 municipios; e Miño Central, con sede no Carballiño, desde o que presta servizo a 48 concellos de cinco comarcas (Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro e Terras de Celanova).
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024