23 de xuño, 2023
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrou o último dos catro Venres Cooperativos organizados pola Xunta con vistas á conmemoración do Día Internacional do Cooperativismo o vindeiro 1 de xullo. Esta xornada de portas abertas permitiu coñecer o traballo da cooperativa produtora de lácteos, pensos e fertilizantes AIRA, de Taboada, e de Milhulloa, que se dedica desde Palas de Rei a cultivar e comercializar plantas medicinais ecolóxicas.
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego dá así a coñecer unha vez máis a experiencia de cooperativas de diferentes eidos co fin de atraer novas emprendedoras e emprendedores que poidan iniciar actividades nas fórmulas da economía social. A Xunta trata de dar visibilidade á fórmula e valores do cooperativismo a través de experiencias reais asentadas no noso territorio que expoñen, así mesmo, as funcións dos polos de emprendemento e apoio ao emprego en aras de favorecer a creación de redes de colaboración e negocio.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024