Noticia_img

A Xunta forma o persoal técnico dos Polos de emprendemento e as empresas asesoradas na rede en Responsabilidade Social Empresarial

07 de abril, 2024

Esta semana tivo lugar unha primeira xornada informativa para que os técnicos poidan promover que os negocios que atenden se desenvolvan tendo en conta de xeito equilibrado ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno. Entre outras cuestións, tratouse o programa Responsabilízate impulsado polo Goberno galego, que está xa na súa cuarta edición e que ten como reto principal impulsar a sustentabilidade e competitividade nas empresas galegas. A acción ten lugar no marco da Estratexia Galega de RSE 2023-2025, que persegue unha sociedade máis igualitaria e integradora, que consiga reducir as desigualdades e mellorar a calidade de vida e a conservación da contorna.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade iniciou esta semana unha serie de xornadas informativas no marco da Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025 dirixidas ao persoal técnico dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego e ás empresas que se asesoran nesta Rede. O obxectivo é promover que os negocios se desenvolvan atendendo de forma equilibrada ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno.

Esta serie de xornadas informativas irán desprazándose nos próximos meses aos trece Polos de emprendemento activos en Galicia (aos que haberá que sumar dous máis en breve) para poñerse a disposición das empresas atendidas neles. Antes destas sesións presenciais, tivo lugar esta semana un webinario para o persoal técnico da Rede baixo o título Impacto positivo e emprendemento, que foi inaugurado pola directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e clausurado pola directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.

Neste encontro, tratouse o vínculo entre emprendemento e sustentabilidade, as tendencias no eido da RSE e enfoques para incorporar a sustentabilidade nos diferentes estadíos dun negocio. Tamén exemplos inspiradores de proxectos de emprendemento e conceptos clave en sectores que destacan ao abeiro dos Polos como os do turismo, agroalimentación, comercio local e servizos a empresas.

Así mesmo, no webinario falouse da Incorporación transversal da sustentabilidade na empresa, atendendo en concreto ao desenvolvemento dos plans de negocio. Tamén se abordaron ferramentas específicas, incluídas as impulsadas pola Xunta como o programa Responsabilízate que está xa na súa cuarta edición e que ten como reto principal que cada vez se adhiran máis empresas para impulsar entre elas a sustentabilidade e a competitividade.

 

Estratexia Galega de RSE 2023-2025

No marco do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 desenvólvese a Estratexia Galega de RSE 2023-2025, nun contexto global no que cada vez é máis necesario garantir un desenvolvemento sustentable, favorecer a competitividade das empresas, aliñar as organizacións cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a Axenda 2030 e, en definitiva, promover unha sociedade máis igualitaria e integradora, que consiga reducir as desigualdades e mellorar a calidade de vida e a conservación da contorna.

As prioridades desta Estratexia inclúen a promoción de comportamentos responsables voluntarios, que vaian máis aló da lexislación vixente, e o impulso do compromiso nos ámbitos económico, ambiental, social e de bo goberno entre as empresas, a Administración e os grupos de interese.

A través dela, intégranse condutas responsables e accións como a mencionada, para incluír a perspectiva da Responsabilidade Social Empresarial no traballo que se leva a cabo nos Polos de emprendemento e apoio ao emprego.