Noticia_img

A Xunta estrea un ciclo de xornadas abertas aos centros educativos para divulgar a cultura emprendedora e detectar os seus intereses

16 de decembro, 2022

Promoción do Emprego e Igualdade celebrou no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela a primeira sesión coa que está a difundir o traballo da Rede de polos de emprendemento e a animar a desenvolver ideas de negocio desde idades temperás

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade iniciou hoxe un ciclo de charlas divulgativas da cultura emprendedora en centros educativos da comunidade. Á primeira xornada, celebrada no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, contou coa participación da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao.


As sesións diríxense a alumnos de ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Na xornada de hoxe, durante 75 minutos, facilitouse información sobre a nova Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está a despregar na comunidade para as persoas que desexan poñer en marcha unha idea de negocio. Tamén se iniciou ao alumnado das últimas etapas no desenvolvemento de iniciativas empresariais por medio dunha actividade práctica baseada no Ikigai, un concepto xaponés baseado na motivación que impulsa ás persoas a actuar.


“Trátase de que mozas e mozos poidan participar nunha dinámica para a detección de actitudes cara a desenvolver un emprendemento en áreas afíns aos seus gustos e capacidades persoais”, indicou Ardao quen especificou que como resultado destes contactos, obteranse datos para elaborar un pequeno informe sobre os intereses e a orientación do alumnado segundo as áreas onde residan.


A Xunta ofrece tres modalidades de actividade. A de hoxe, baseada nos primeiros pasos para emprender; unha segunda opción, que pon o foco no desenvolvemento de habilidades brandas tales como a resiliencia, a proactividade, o consenso de opinións...; e unha terceira coa que se pretende poñer en valor a creatividade e a innovación necesarias nos procesos de emprendemento.
Calquera centro interesado pode solicitar participar no ciclo de charlas que ofrece o persoal dos polos de emprendemento de Galicia e elixir a dinámica que máis atractiva lle resulte. Para cursar a súa solicitude poden dirixir un correo electrónico a  coordinacion@polosemprendemento.gal.


Esta iniciativa enmárcase no conxunto de actividades que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a desenvolver para dinamizar os novos Polos de emprendemento e apoio ao emprego. Na actualidade están activos catro en Verín (Ourense), Silleda (Pontevedra), Coristanco (A Coruña) e Monforte de Lemos (Lugo). Antes de que remate o ano abrirase un novo polo en Ferrolterra e o ano que vén completarase a Rede que contará cun total de 12 puntos de referencia para dar cobertura a todos os territorios.


A Rede de polos é un dos puntos clave da nova estratexia de emprego Xempre Contigo que a Xunta está a despregar para conseguir más e mellor traballo para galegas e galegos. Baséanse na detección de oportunidades apegadas aos territorios nos que se asentan e no asesoramento continuo durante todas as fases do emprendemento. Tamén avogan pola divulgación da iniciativa empresarial con propostas como a que hoxe se inicia nos centros educativos coa idea de aproveitar o inxenio e o capital humano das persoas mozas para reter o seu talento e favorecer o crecemento económico de Galicia no futuro.