13 de xaneiro, 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Friol, José Ángel Santos, co gallo de avanzar na colaboración entre ambas administracións para fortalecer a xeración de riqueza e emprego. Nesa liña, trataron —entre outras cuestións— o bo funcionamento de cara á dinamización do territorio do Polo de emprendemento que se inaugurou nesta localidade lucense en setembro de 2023 e que leva atendido desde entón máis de 200 proxectos.
Ás persoas emprendedoras que se achegaron ao Polo de Friol —un 63% delas, mulleres— prestáronselles preto de 650 titorías. Canto ás actividades, téñense realizado preto de medio cento entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos da Rede.
Cómpre engadir que entre as iniciativas empresariais titorizadas en Friol destacan as relativas ás actividades profesionais, científicas e técnicas (21%), seguidas da hostalaría (12%) e da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (9%) e apostando polos negocios que contribúen a fixar poboación no rural. Estas iniciativas forman parte das arredor de 750 asesoradas no conxunto da provincia de Lugo, onde —ademais do de Friol— se atopan os Polos da Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria.
Na xuntanza tamén se puxo de relevo a importancia da formación para o emprego de cara a mellorar as oportunidades laborais da veciñanza de Friol. Nesa liña, cómpre destacar que este municipio lucense —xunto cos de Begonte e Rábade— recibiu unha axuda de case 442.000 euros para levar a cabo entre 2024 e 2025 o obradoiro dual Cumes da Terra Chá VIII, centrado en operacións auxiliares de fábricas e cubertas e de acabados ríxidos e urbanización. Unha achega que inclúe incentivos a empresas da contorna para fomentar a contratación da vintena de persoas participantes na formación teórico-práctica que contribúe, ademais, a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais.
13/01/2025
08/01/2025
26/12/2024