Noticia_img

A Xunta destaca o efecto dinamizador do Polo de emprendemento de Ferrol con 370 proxectos atendidos desde a súa posta en funcionamento

08 de outubro, 2024

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coas responsables deste servizo coas que fixo un balance do traballo desenvolvido e dos proxectos máis importantes

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou esta mañá a actividade desenvolvida polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol que desde a súa posta en funcionamento, no ano 2022, leva atendidos 370 proxectos. O fixo tras manter unha reunión de traballo coas técnicas responsables do servizo, Laura Pérez e Susana Santamarina, coas que avaliou o traballo desenvolvido e os proxectos máis importantes e singulares.

 

Dos 370 proxectos atendidos, 67 están finalizados e 303 en activo (o 43% deles en etapa inicial e 48 proxectos en etapa de expansión). Ademais das 310 persoas beneficiarias con proxectos activos, o 63% son mulleres e o sector máis atendido está a ser o do comercio.

 

Trala reunión a delegada territorial puxo en valor que dos 303 proxectos abertos actualmente no Polo, 23 son específicos de remuda, é dicir están orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios en funcionamento por mor da xubilación dos actuais propietarios. Nesta liña, Aneiros lembrou que a Xunta tamén ofrece apoios económicos a través do Bono Remuda, dotado cun orzamento total 1,5 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de outubro. Os negocios interesados en concorrer a esta convocatoria deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia, ademais de estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

 

O Polo de emprendemento de Ferrol é un dos 14 polos integrados actualmente na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego a través dos que a Xunta busca impulsar e consolidar proxectos que teñan unha vinculación co seu entorno e nos que as persoas emprendedoras poidan atopar acompañamento personalizado para levar adiante as súas iniciativas aproveitando os recursos locais.