Noticia_img

A Xunta destaca o dinamismo do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco, que xa atendeu preto de 200 proxectos

29 de agosto, 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou a sede da oficina, unha das tres que están activas actualmente na provincia da Coruña, xunto coas de Ferrol e Melide

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco, unha das tres oficinas da rede que están activas actualmente na provincia da Coruña, xunto coas de Ferrol e Melide. A través delas, a Xunta busca impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna e na que as persoas emprendedoras poden atopar acompañamento personalizado para levar adiante as súas iniciativas aproveitando os recursos locais.

 

A directora xeral destacou a actividade que se está a desenvolver no polo de Coristanco, que, desde a súa apertura en outubro de 2022, xa atendeu preto de 200 proxectos e realizou máis de 1.000 titorías, predominando, no que respecta á temática das iniciativas, o sector servizos (20 %), seguido do comercio (15 %) e da agricultura, a gandería, a silvicultura e a pesca (14 %).

 

Ademais, o seu papel fundamental como dinamizador e vertebrador do territorio reflíctese nos máis dun cento de actividades que levan organizado, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.

 

Durante a súa visita, Marta Mariño tamén puxo en valor que un 14 % dos proxectos atendidos no polo de Coristanco son específicos de remuda, orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios que xa están en funcionamento por mor da xubilación dos actuais propietarios. Nesta liña, a directora xeral lembrou que a Xunta tamén ofrece apoios económicos a través do Bono remuda, dotado cun orzamento total 1,5 millóns de euros. O prazo de solicitudes está aberto ata o 30 de outubro e os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia, ademais de estar inscritos na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. 

 

A Coruña conta dúas oficinas máis da Rede de polos, unha en Ferrol e a outra en Melide, e que se integran no total das 14 que están abertas en toda Galicia. No conxunto da provincia atendéronse xa 660 proxectos e os técnicos e asesores xa realizaron máis de 2.200 titorías.

 

Impulso ao emprendemento con foco no rural

 

Xunto coa Rede de polos, a Xunta ten en marcha diferentes actuacións innovadoras orientadas a dinamizar a economía local e fomentar a creación de emprego de calidade, incrementando tamén o emprendemento, como eixos fundamentais de vertebración e cohesión do territorio galego e de fixación de poboación no rural.

 

Entre elas destacan outras accións, como o Mapa do Emprendemento virtual -con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia- ou o proxecto piloto de coliving, en colaboración coa asociación Sende, no concello ourensán de Lobeira, para atraer nómades dixitais ao rural.

 

Froito destas medidas, Europa vén de recoñecer Galicia recentemente co premio á Rexión Emprendedora 2025.