Noticia_img

A Xunta destaca o compromiso autonómico co emprendemento e cos autónomos nun acto celebrado no Polo de Monforte de Lemos

07 de febreiro, 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na xornada ‘Impulso e sinerxías’, na que debullou o mapa de axudas que a Administración dispón para quen inicie ou queira consolidar a súa actividade. Lembrou que a próxima semana abrirase o prazo de solicitude das axudas ao emprendemento con achegas de ata 30.900 euros para dar cobertura a investimentos en equipamento informático, mobiliario ou eficiencia enerxética. A Rede de polos de emprendemento está a dar a coñecer e asesorar sobre as axudas para novas iniciativas de autónomos, pemes e entidades da economía social.

A directora xeral de Emprendemento, Margarita Ardao, participou hoxe na xornada Impulso e sinerxías -organizada desde o Polo de Emprendemento de Monforte de Lemos en colaboración coa Asociación CCU Monforte e a Asociación de Interese Económico Ribeira Sacra- na que expuxo o mapa de axudas que a Xunta leva convocadas neste inicio de ano e que referendan o compromiso da Administración autonómica coas iniciativas empresariais e o traballo autónomo.

Lembrou que desde a próxima semana, persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pemes e entidades de economía social poderán solicitar ás axudas ao emprendemento publicadas no Diario Oficial de Galicia e dotadas cun orzamento de 6,5 millóns de euros. Con elas, o Goberno galego busca impulsar as iniciativas, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á mellora da súa competitividade, indicou.

As achegas van dos 3.000€ aos 30.900€ (en función da magnitude do investimento realizado) para dar cobertura, entre outros, a gastos vencellados co proxecto empresarial en materia de equipamento  informático, eficiencia enerxética, equipamento e mobiliario, ou na reforma das instalacións.

Tal e como destacou Ardao, os doce polos de emprendemento que están a dar cobertura ao 100% do territorio galego estanse a converter en puntos para amplificar o coñecemento de todas as liñas coas que contan as galegas e galegos que desexen iniciar unha actividade na comunidade -ben por conta propia, como peme ou como entidade dentro da economía social- prestando apoio en todas as fases de desenvolvemento da idea e brindando asesoramento técnico e a información necesaria para que poidan coñecer e acceder aos recursos existentes.

A directora xeral fixo especial fincapé no acompañamento que a Administración autonómica está a dispensar ás persoas que dan os primeiros pasos no seu emprendemento. Destacou a nova medida coa que a Xunta de Galicia dá cobertura á cota reducida das novas altas de autónomos. Tamén os apoios destinados a impulsar a contratación de persoal, ambas as dúas co prazo de solicitude vixente.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese a partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante 12 meses.

Tamén permanece aberto o prazo para pedir as axudas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan incentivar a contratación por parte das persoas autónomas do primeiro, segundo e terceiro traballador, cunha maior contía se contratan mulleres.

A maiores, Ardao referiuse a dous programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros: para mellorar a competitividade de traballadores autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses (Bono Autónomo) e para apoiar a profesionais que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade (Bono nova oportunidade).

A través de todas estas iniciativas, indicou Ardao, a Xunta de Galicia está a amosar un firme compromiso coa dinamización económica de Galicia e, sobre todo, pola diversificación da actividade nas contornas rurais e o aproveitamento do talento. Unha finalidade, indicou, á que están a contribuír en gran medida os polos de emprendemento postos en marcha hai ano e medio e que xa asesoraron máis dun milleiro de proxectos.