18 de xaneiro, 2024
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Laxe no evento As oportunidades da construción sostible, organizado polo Polo de emprendemento de Coristanco en colaboración co Clúster galego de solucións ambientais e economía circular (Viratec). Alí, puxo en valor o labor a prol da xeración de riqueza que se está a desenvolver na Rede de polos, na que se teñen atendido máis dun milleiro de persoas emprendedoras no ano e medio que cumpre a iniciativa.
Así, o secretario xeral incidiu no asesoramento técnico prestado a través dos 12 Polos de emprendemento e apoio ao emprego actualmente activos no territorio galego, acompañando a todas as persoas que o precisen en calquera fase na que se atopen os seus proxectos, e de principio a fin. No caso do Polo de Coristanco, lévanse antendido arredor de 120 persoas (o 53% delas mulleres), para sacar adiante iniciativas entre as que destacan as relativas á agricultura, gandaría, silvicultura ou pesca; seguidas das de hostalaría e das que teñen que ver co comercio.
No conxunto da provincia da Coruña -onde tamén se atopan os Polos de Ferrol e Melide- unhas 350 persoas recibiron apoio da Rede, o 58% delas mulleres. Prestáronselles case 1.300 titorías, das que máis da metade se realizaron en Coristanco.
Na súa intervención, Pablo Fernández tamén se referiu á idea da Xunta de dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos coliving, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir no espazo de xeito temporal. O obxectivo é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable.
Cómpre engadir que o evento de hoxe en Laxe acolleu unha mesa redonda sobre construción sostible e bioconstrución e mesas de traballo sobre o presente e futuro deste tipo de construción, abordando as necesidades técnicas ou a relación entre construción sostible e turismo. Finalmente, puxéronse en común os resultados dos distintos grupos para extraer conclusións.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024