Noticia_img

A Xunta apoia o emprendemento coa rede de polos e axudas que suman este ano 17,8 millóns de euros

29 de setembro, 2023

A través destes centros préstase asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacou hoxe na Coruña na súa intervención na IV Cumbre da Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (Fedepe) o apoio da Xunta ao emprendemento feminino.

 

Neste senso, puxo en valor o programa de apoio á muller emprendedora, Emega, unha iniciativa que conta nesta edición cun orzamento histórico de máis de 4,8 millóns de euros (case un 10% máis que o ano pasado). Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

 

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas cifras engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

 

Ardao referiuse tamén a outros recursos que ten en marcha a Xunta de apoio ás persoas emprendedoras e que suman este ano 13 millóns de euros para impulsar o emprendemento no traballo autónomo, nas pequenas e medianas empresas e na economía social.

 

Dun lado, convocouse unha iniciativa dotada con 6 millóns de euros para o período 2023-2024, que permitirá financiar investimentos de entre 10.000 e 200.000 euros realizados por negocios con ata 42 meses de actividade, con achegas que poderán acadar os 90.000 euros. Esta convocatoria inclúe tamén incentivos de 6.000 euros pola contratación de persoas desempregadas por parte das entidades beneficiarias.

 

E, doutra banda, tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) este ano outra liña de apoios por 7 millóns de euros destinada a financiar negocios en activo que nacesen a partires do 1 de xaneiro de 2021, baixo a influencia da pandemia. Estes apoios, de feito, poden solicitarse ata hoxe mesmo. 

 

Son axudas para dar cobertura aos investimentos realizados entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude nestas empresas e os apoios van desde os 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para o máximo (100.000 euros) para dar cobertura a investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.

 

Rede de polos

A directora xeral, por último, referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a despregar a Xunta por toda Galicia. Antes de que remate o ano dará cobertura ao 100% do territorio e, grazas á mesma, segundo apuntou Ardao, estase a casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade, contribuíndose a dinamizar o mercado de traballo e á fixar poboación.

 

A través destes centros préstase asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial.

 

Os polos supoñen tamén unha oportunidade no impulso da economía social, que conta con gran arraigamento en Galicia, e apoian ás persoas traballadoras autónomas nos seus inicios e na súa consolidación. Durante este tempo de funcionamento, estes recursos atenderon xa case 600 persoas emprendedoras e permitiron celebrar máis de 1.700 titorías.

 

Na provincia da Coruña están en activo na actualidade os polos de Coristanco e Ferrol.