Noticia_img

Rivo louva o proxecto de economía social Trasdeza Natur, asesorado no polo de emprendemento de Silleda e que protagonizará un calendario europeo

04 de outubro, 2023

Trátase dun calendario temático que busca poñer en valor iniciativas financiadas con fondos Next Generation como esta vinculada ao Polo de Silleda, que produce e comercializa froita e produtos da horta deshidratados con enerxía solar

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou esta tarde o proxecto de economía social Trasdeza Natur, co gallo de que os seus responsables foron fotografados para servir de imaxe a un dos meses do vindeiro ano 2024 nun calendario temático que elaborará a Comisión Europea con empresas financiadas con fondos Next Generation.

 

A conselleira aproveitou para poñer en valor esta firma asesorada no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda, que produce froita e produtos da horta para comercializalos deshidratados despois dun proceso de deshidratación solar. Esta empresa precisamente foi unha das que coñeceu a semana pasada o comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, na súa visita a este Polo.

 

Desde a súa posta en marcha en xullo do ano pasado, este Polo de emprendemento que presta servizo a 24 concellos leva atendido uns 135 proxectos e realizado 334 sesións de titorización. Actualmente é o único da provincia de Pontevedra pero antes de que remate o ano está previsto inaugurar dous novos no Porriño e en Vilanova de Arousa.

 

Os polos de emprendemento e apoio ao emprego -actualmente hai dez activos no conxunto da Comunidade- perseguen dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. O obxectivo é acadar os 15 centros ao remate do ano.