Noticia_img

A Xunta pon en valor as máis de 300 persoas asesoradas nos polos de emprendemento de Ferrol, Coristanco e Melide e o milleiro de titorizacións prestadas

30 de novembro, 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración do proxecto ‘Impulsa. Fomentando o emprendemento’, no Coruña The Style Outlets de Culleredo.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración do proxecto Impulsa. Fomentando o emprendemento, que suporá que unha decena de persoas atendidas pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego vaian dar a coñecer os seus produtos no Coruña The Style Outlets de Culleredo. O secretario xeral agradeceu a iniciativa, recalcando que tan só na provincia da Coruña xa se ten prestado asesoramento a máis de 300 persoas con máis dun milleiro de sesións de titorización, o que supón un terzo do acadado no conxunto da Rede.

Referíase así o secretario xeral á actividade dos Polos de Ferrol, Coristanco e Melide, que forman parte dunha rede na que xa son 12 os centros activos, tras o inaugurado o pasado luns no Porriño. O obxectivo, segundo Pablo Fernández, é prestar apoio técnico ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atopen os seus proxectos, para garantir o seu éxito na contorna onde queiran establecerse.

Nese senso, o representante autonómico sinalou que a Rede ten especial presenza no rural, co gallo de xerar riqueza pegada ao territorio que contribúa á fixación de poboación. Así, cabe apuntar que -despois dos relativos ao comercio- destacan entre os proxectos asesorados os que teñen que ver coa agricultura, a gandería ou a pesca, tras os que se sitúan os servizos ou a hostalaría.

Cómpre engadir que as dez persoas emprendedoras participantes no proxecto presentado hoxe pertencen ás catro provincias e destacan polos seus produtos artesáns téxtiles, gastronómicos ou relacionados cos complementos.