Noticia_img

A Xunta destaca o papel vertebrador do polo de emprendemento do Carballiño, que xa asesorou preto de 130 proxectos co foco na dinamización e a remuda

02 de agosto, 2024

José González mantivo esta mañá un encontro cos representantes de tres iniciativas nacidas ao abeiro deste Polo: Buscalume, Llobar Téxtil e Creativa23

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, no que se presta de xeito gratuíto asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia ou consolidar o que xa ten. Esta oficina é unha das catro en funcionamento na provincia de Ourense, xunto coas do Barco de Valdeorras, Baños de Molgas e Verín.

 

Alí, o titular de Emprego puxo en valor o impacto desta iniciativa autonómica, posta en marcha en 2022, e que na actualidade conta xa con 14 polos activos, espallados por todo o territorio galego. Tamén mantivo un encontro con representantes de tres iniciativas nacidas ao abeiro do Polo: Buscalume -empresa de xogos de mesa posta en marcha por dous galegos retornados-, Llobar Téxtil -cooperativa fundada por catro traballadores que permitiu a permanencia dunha empresa téxtil cando os propietarios orixinais se xubilaron- e Creativa23 -proxecto de emprendemento de fotografía e vídeo-.

 

José González destacou que estes tres casos de éxito forman parte do total de 129 proxectos que leva atendido o Polo do Carballiño desde a súa apertura, acumulando 344 titorías realizadas. Os proxectos abranguen diferentes sectores, predominando as actividades profesionais, científicas e técnicas (18%), seguido da hostalaría (17%) ou o comercio (16%). Ademais, un 56% das persoas emprendedoras son mulleres.

 

Deles, unha decena correspóndense con iniciativas impulsadas por galegos retornados. Mentres, o 9% son proxectos específicos de remuda, orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios que xa están en funcionamento, principalmente relacionados co comercio, a hostalaría e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

 

No que respecta ao total da actividade dos Polos da provincia de Ourense (O Barco, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín), o total dos proxectos atendidos ata o de agora é de 430, incluíndo 1.135 titorías. 

 

Emprendemento e innovación para vertebrar o territorio

A través da Rede de polos, a Xunta busca dinamizar a economía local e fomentar a iniciativa emprendedora na comunidade, co obxectivo de xerar un ecosistema de apoio ás persoas emprendedoras, impulsando as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, con especial foco no rural, e aproveitando os discursos dispoñibles. 

 

Ao longo destes dous anos de actividade, prestouse asesoramento en toda Galicia a máis de 2.200 proxectos empresariais en diferentes fases e realizáronse preto de 6.100 titorías. Ademais, durante a visita de hoxe o conselleiro lembrou que está previsto que a Rede se siga ampliando proximamente, coa incorporación dun novo laboratorio en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra. 

 

O pulo que lle está a dar Galicia ao empredemento fíxoa merecedora recentemente do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025, recoñecendo así medidas innovadoras do Goberno galego como son, ademais da Rede de polos, o Mapa do Emprendemento virtual -con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia- ou o proxecto piloto de coliving, en colaboración coa asociación Sende, no concello ourensán de Lobeira, para atraer nómades dixitais ao rural.

 

O obxectivo destas actuacións innovadoras é impulsar a vertebración e cohesión do territorio galego, fomentando ademais a creación de emprego de calidade.