Noticia_img

A Xunta colabora en Santiago de Compostela nunha nova xornada do proxecto ‘O camiño do emprendemento musical’

08 de maio, 2025

O proxecto ‘O camiño do emprendemento musical’ celebra un novo evento presencial o vindeiro venres 16 de maio na Cidade da Cultura, con profesionais do sector dirixido ás mozas e mozos galegos que estean a barallar este campo como unha saída profesional

A Xunta participa a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, o vindeiro venres 16 de maio en Santiago de Compostela, nunha nova xornada do proxecto O camiño do emprendemento musical, organizada por Wake Up co apoio do Executivo galego e da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Con esta iniciativa, preténdese introducir, instruír e mentorizar as mozas e mozos galegos que estean a barallar a industria musical e de eventos como unha saída profesional, compaxinando eventos presenciais coma este e mentorías con artistas e profesionais do sector.

 

Na xornada que se celebrará na Cidade da Cultura de Galicia, estarán presentes máis de dez profesionais do sector, entre artistas e promotores, técnicos e persoal de comunicación que desenvolverán catro charlas-coloquios baixo os títulos de Como iniciar tu proyecto musical; Un festival desde dentro; Nuevos retos y desafíos de la industria musical e Galicia tierra de emprendimiento musical, onde exporán ante os participantes as súas experiencias no sector, co gallo de instruír e por en valor ás mozas e mozos que tenten iniciar a súa carreira profesional no eido musical.

 

Esta cita súmase ás celebradas previamente en marzo na Coruña e en abril en Vigo no marco deste proxecto -que conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude-. Trátase dunha iniciativa enmarcada no compromiso estratéxico do Goberno autonómico con potenciar as oportunidades laborais da mocidade, ao tempo que promove o espírito emprendedor entre a comunidade máis nova para avanzar no impulso de proxectos innovadores que dinamicen o territorio e impacten na xeración de riqueza e emprego.