Noticia_img

Rueda destaca o impulso da Xunta á consolidación da Rede de polos de emprendemento e pon en valor a súa contribución a unha Galicia potente

30 de outubro, 2023

O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do novo centro de apoio ao emprego de Valdeorras. Antes de que remate 2023, prevese chegar aos 15 polos de emprendemento en activo na comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o impulso que lle está a dar o Goberno galego á consolidación da Rede de polos de emprendemento. Así o destacou na inauguración dun novo centro de apoio ao emprego no Barco de Valdeorras. 

 

Na súa intervención, Rueda puxo en valor o labor desta rede de centros para asesorar da man de expertos a aquelas persoas que deciden dar o primeiro paso de emprender. Acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, defendeu o emprendemento pola súa aportación non só á creación de emprego, senón tamén para o desenvolvemento de Galicia en xeral, ao achegar novos produtos e servizos, que desde a súa orixe na Comunidade teñen alcanzado proxección internacional “levando a marca Galicia polo mundo”, enxalzou.

 

Consecuentemente, Rueda amosou o compromiso do Goberno galego co emprendemento, tal e como reflicte o pulo que lle dan os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade do vindeiro ano con 30,6 millóns de euros destinados en exclusiva a este fin (unha suba do 51,6%) ou a implantación da ‘cota cero’ para o primeiro ano de actividade como autónomo. 

 

“Se queremos unha Galicia potente hai que apoiar a xente que emprende”, defendeu o mandatario galego con respecto ao impulso á Rede de polos de emprendemento que está a facer a Xunta. 

 

15 polos de emprendemento ao remate de 2023

Así , o Polo de emprendemento inaugurado hoxe no Barco de Valdeorras é o terceiro na provincia de Ourense e décimo en Galicia. No entanto, antes de que remate este 2023, a previsión é chegar aos 15 polos en activo na Comunidade. 

 

Neste senso, en máis dun ano que leva funcionando a Rede de polos de emprendemento xa axudou a 700 persoas e facilitou a posta en marcha de máis de 600 proxectos que hoxe son unha realidade. Hai que salientar o feito de que a meirande parte destes polos están no rural, xa que cada vez son máis as persoas emprendedoras que viven nel que se animan a poñer en marcha o seu propio negocio.  

 

Significar tamén o dato de que arredor do 10 % dos que acoden a estes centros de apoio ao emprego proceden de fóra de Galicia, unha parte deles emigrantes retornados á comunidade, colectivo que conta tamén co apoio do Goberno galego para facilitarlles a súa volta á Comunidade coa Estratexia Galicia Retorna. 

 

O apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas procura tamén crear e consolidar emprego de calidade en Galicia para seguir afianzando a estabilidade que ofrece a Comunidade, tamén no eido laboral.  

 

Reunión Clúster da lousa de Galicia

Na súa visita hoxe á comarca de Valdeorras, o presidente da Xunta mantivo unha reunión con representantes do Clúster da lousa para abordar con este gremio os retos e necesidades dun sector que cualificou de clave para o rural galego. 

 

Galicia é unha potencia a nivel europeo na extracción, elaboración e comercialización da lousa. Por este motivos, Rueda garantiulle ao sector o reforzo dos apoios do Goberno galego para seguir consolidando a Comunidade como un referente internacional neste eido.