Noticia_img

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas xa titoriza unha vintena de proxectos empresariais

14 de novembro, 2022

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego inaugurou o encontro de empresas tractoras para detectar ideas de negocio de futuros emprendedores no norte de Pontevedra e Rías Baixas. A actividade enmárcase no programa de actuacións que desenvolve o Polo de emprendemento e apoio ao emprego nesta área. Na actividade emprendedora mentorizada destaca a presenza de iniciativas enmarcadas no sector agroalimentario, cultural, artesanal, turismo e hostalaría.

Silleda (Pontevedra), 14 de novembro de 2022 A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, inaugurou hoxe o encontro de empresas tractoras do Polo de emprendemento Pontevedra Norte e Rías Baixas, en Silleda, que se celebra co obxectivo de detectar retos e futuras necesidades do ecosistema empresarial desta zona. O Polo está a mentorizar máis de vinte proxectos de negocio vencellados co territorio e que dinamizarán a súa economía e emprego.

Ardao puxo en valor a “metodoloxía participativa” coa que se celebra esta sesión, coa idea de favorecer as relacións entre empresarios. “Estamos a traballar para promover necesidades e retos actuais e futuros do ecosistema empresarial de Pontevedra Norte e Rías Baixas”, especificou a directora xeral, quen puxo en valor que este tipo de foros axuden ás firmas participantes a dar a coñecer as súas necesidades de man de obra.

“Queremos detectar capacidades non cubertas no territorio, para poder  obter un mellor coñecemento das ideas de negocio que poden desenvolver futuros emprendedores con perspectivas favorables”, remarcou. Nesta liña especificou que o Polo de Silleda xa conta cunha vintena de proxectos de emprendemento cos que se está a traballar e que estes están enmarcados en sectores diversos: agroalimentario, cultural, educativo, medio ambiente, comercio, artesanía, hostalaría, educación, deporte, turismo e saúde.
 
Na xornada de hoxe analizáronse as necesidades do tecido empresarial da provincia de Pontevedra en materia de soporte (innovación e dixitalización, xestión de axudas, formación directiva, análise financeiro, sinerxías con outras empresas, asociacionismo empresarial...); comercialización (formación en vendas, novas formas de comunicación, canles de venda, marca comercial, feiras ou eventos, internacionalización...); e no eido operativo (acceso a man de obra, materia prima, equipamentos, loxística, redución da pegada ambiental...).

As persoas participantes puideron afondar, por outra banda, na formación que precisan as empresas da contorna, para poder dar resposta axeitada a través tamén do programa de cualificación ofertado polo Polo.

A Xunta está a divulgar o traballo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está a despregar en 12 puntos da comunidade no marco da estratexia de emprego Xempre Contigo,  para acompañar a empresas e emprendedores a identificar nichos de mercado e axudar no desenvolvemento das súas ideas de negocio.
 
O evento foi promovido polo de Silleda, coa colaboración da Fundación Roberto Rivas.