27 de outubro, 2023
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe en Neda no evento Os venres dos polos: como converterse nun bo líder empresarial, organizado polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol. Alí destacou que este centro leva asesorado desde a súa posta en marcha en decembro do ano pasado máis de 160 persoas -un 62% delas mulleres-, coas que se realizaron máis de 300 sesións de titorización para o éxito dos seus proxectos, entre os que destacan os relacionados co comercio.
O obxectivo do evento de hoxe é que as persoas emprendedoras aprendan a converterse en líderes das súas iniciativas empresariais. Os asistentes coñecerán así de primerira man, a través dun experto en coaching empresarial, cales son as súas habilidades directivas e aprenderán a potencialas.
Na súa intervención, Ardao puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con dez activos na actualidade e coa previsión de chegar a quince antes de que remate o ano. Na provincia da Coruña, máis alá do de Ferrol, está a funcionar o de Coristanco e en próximas datas habilitarase outro en Melide, co gallo de prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras desa contorna en calquera fase en que se atopen os seus proxectos empresariais, de principio a fin.
O emprendemento será unha das grandes apostas da Xunta de Galicia o ano que vén, con 28,5 millóns de euros, un 56,2% máis que en 2023. Estrearase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e consolidarase a Rede de polos.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024