10 de setembro, 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde en Vigo na xornada Emprendemento e liderado feminino, organizada por Empresarias Galicia. Alí, puxo de relevo que o 59% dos proxectos atendidos na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego están impulsados por mulleres. Tamén medidas de apoio ao seu dispor como a cota cero para novas altas de autónomos ou o Bono Remuda, ambos con prazo de solicitude aberto.
Na súa intervención, Mariño recordou que a Rede de polos conta con 14 centros activos en todo o territorio galego que prestan asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten, en calquera fase na que se atopen as empresas e de principio a fin.
A directora xeral engadiu que no conxunto de Galicia téñense atendido máis de 2.400 iniciativas empresariais mediante máis de 6.600 titorías. Con ese 59% de proxectos impulsados por mulleres, destacan no total os relacionados cos servizos, seguidos da hostalaría e do comercio. Canto ás actividades propiciadas pola Rede, roldan as 900 entre reunións con entidades do territorio, accións formativas e eventos.
No referido aos apoios cos que contan as persoas emprendedoras, Mariño recordou a implantación este ano da cota cero para novas altas de autónomos, co gallo de animar a xerar nova actividade económica en Galicia. Trátase dunha partida de 9,6 millóns de euros que se pode solicitar aínda, deica o 30 de setembro.
Para acceder á liña, as persoas solicitantes deberán ser beneficiarias da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.
Entre outros, a responsable autonómica tamén lembrou que está activo -no marco da Rede de polos- o Bono Remuda, para que as persoas interesadas en facerse cargo dun negocio viable economicamente que pechou -ou está a piques de pechar- poidan coller as rendas da empresa e sufragar coa axuda da Xunta parte dos gastos de transmisión. Cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o prazo de solicitude está aberto -neste caso- deica o 30 de outubro.
Os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento. A remuda debe ser por xubilación ou próxima xubilación do titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.
Máis aló do emprendemento, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social tamén se referiu á orde activa deica o 30 de setembro para impulsar a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas, ademais de para promover a adaptación dos espazos de traballo co gallo de favorecer a igualdade. Cun orzamento inicial próximo aos 1,7 millóns de euros que poderá ser ampliable, búscase incrementar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas. A previsión é beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas con axudas de ata 26.250 por cada contrato indefinido.
Existe unha segunda liña de axudas para promover a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas, con obras en aseos, vestiarios ou espazos para menores, cun importe máximo de axuda -neste caso- de 10.000 euros.
15/10/2024
08/10/2024
23/09/2024