Noticia_img

A Xunta pon de relevo a colaboración da rede de polos con AJE Galicia para o fomento do emprendemento

15 de maio, 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou esta tarde en Vigo a xornada ’Aprende a xerar ingresos coas redes sociais da túa empresa’, organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia. Enmarcada nas accións da Rede de polos de emprendemento que ten 13 centros activos na Comunidade, forma parte tamén do convenio asinado con AJE Galicia para a titorización de negocios e a organización de congresos ou actividades de networking.

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou esta tarde en Vigo a xornada Aprende a xerar ingresos coas redes sociais da túa empresa organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia. Alí, puxo en valor esta acción enmarcada na axenda de actividades da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e que, ao tempo, forma parte do convenio de colaboración asinado con AJE Galicia.

Segundo destacou, este convenio inclúe formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos. A maiores, supón a posta en marcha de medidas de asesoramento e de titorización para a creación de empresas, tamén ao abeiro da Rede de polos que conta con 13 centros activos no conxunto do territorio, dous deles na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño), á espera de que abra un máis en Vilanova de Arousa.

Sobre a xornada desta tarde, tratouse a optimización das redes sociais para acadar os obxectivos comerciais ou a xeración de ingresos con distintas tácticas de venda directa e colaboracións. Tamén a creación de comunidades para afianzar os seguidores e a fidelización e o aumento de vendas.

En definitiva, o obxectivo é que as persoas participantes poidan aprender a crear unha comunidade, a fidelizar audiencias ou a optimizar as súas redes sociais empresariais, co propósito de que os seguidores se traduzan en vendas e, en consecuencia, na competitividade e rendibilidade dos negocios.