15 de maio, 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, inaugurou esta tardiña o evento Somos negocio de proximidade: explorando fortalezas e oportunidades, organizado desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda para poñer en valor o potencial dos comercios e negocios da contorna e para buscar sinerxías e estratexias de crecemento. Nese senso, cómpre sinalar que a actividade conta coa colaboración da Asociación de empresarios e comerciantes de Silleda (ECOS), da Asociación de empresarios do Deza (Aedeza) e da Asociación de comerciantes da Estrada (ACOE).
O director xeral aproveitou a cita para recordar que o Consello da Xunta do pasado luns plasmou o seu apoio ao tecido produtivo de proximidade cunha nova orde de axudas dotada con 2,25 millóns de euros para reforzar a súa aposta polos centros comerciais abertos como eixos fundamentais da economía das vilas e cidades galegas. Unha orde que se complementará, por primeira vez, cunha convocatoria que se lanzará no segundo semestre do ano para financiar proxectores tractores de dinamización destas entidades que favorezan a innovación e a competitividade do comercio local.
Alén enmarcou estes apoios na ampla batería de medidas a prol dos establecementos dos máis diversos sectores que co seu labor diario reforzan as economías locais. Nese senso, puxo de relevo que co gallo da actividade de hoxe se vaian realizar entrevistas persoais, traballo en grupo e titorización das persoas participantes para detectar oportunidades de crecemento e de mellora que poden pasar pola dixitalización ou por estratexias innovadoras para crear alianzas de apoio que potencien os negocios.
Desde a súa posta en marcha en xullo de 2022, o Polo de emprendemento de Silleda ten asesorado máis de 200 proxectos, entre os que destacan os relacionados co comercio, coas actividades profesionais, científicas e técnicas e coa agricultura, gandaría, silvicultura ou pesca.
Coas persoas emprendedoras atendidas -un 62% delas, mulleres- téñense realizado arredor de 600 titorías. A maiores, leváronse a cabo máis de medio cento de reunións con entidades do territorio, máis de media ducia de accións formativas e máis dunha ducia de eventos como o de hoxe.
No conxunto da provincia de Pontevedra, o número de iniciativas emprendedoras asesoradas rolda o medio milleiro, sumando aos de Silleda os atendidos no Polo do Porriño.
15/11/2024
14/11/2024
01/11/2024