Dende 13 de xuño, 2025 - Ata 13 de xuño, 2025
Obradoiro práctico dirixido a emprendedores, autónomos e pequenas empresas para facilitar a transición ao novo sistema de facturación electrónica e á firma dixital, organizado desde o Polo Coristanco.
Categorías: Formación
Modalidades: Híbrida (presencial+streaming)
📅 Xoves, 13 de xuño | 10:00–14:00 h
📍 Sede do Polo Coristanco
A entrada en vigor da nova normativa sobre facturación electrónica supón un cambio importante para persoas autónomas, emprendedoras e pequenas empresas. Para moitas delas, as dúbidas sobre as obrigas legais, os requisitos técnicos ou as ferramentas dispoñibles xeran incerteza e dificultan a adaptación.
Este obradoiro práctico, orientado a persoas autónomas, emprendedoras e pequenas empresas, ofrece un achegamento integral ao novo sistema de facturación electrónica e ao uso da firma dixital.
Ao longo da sesión explicarase a normativa vixente, os prazos de adaptación e as obrigas legais asociadas. Analizaranse os requisitos técnicos indispensables e as principais plataformas dispoñibles, tanto gratuítas como comerciais, mediante demostracións comparadas e exemplos reais. Ademais, presentarase o marco legal da firma dixital (Regulamento eIDAS), os tipos de sinatura, a xestión dos certificados electrónicos e a súa integración no proceso de emisión e validación de facturas.
Os participantes poderán realizar unha práctica guiada para emitir, asinar dixitalmente e validar unha factura electrónica, así como resolver dúbidas e recibir recomendacións personalizadas para avanzar con seguridade na transición dixital.
Programa:
10:00 h – Benvida e presentación da xornada
10:05 h – Facturación e reporte do IVE en España
11:00 h – Emisión e recepción de factura electrónica
12:00 h – Pausa – Café Networking
12:30 h – A firma dixital: legalidade e certificados
13:30 h – Rolda de preguntas e resolución de dúbidas
Inscríbete e participa nesta formación útil, accesible e adaptada ao nivel dos asistentes, pensada para que poidas dar o salto á facturación electrónica sen complicacións!