Subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos - 2024

Dende 29 de novembro, 2023 - Ata 26 de xuño, 2024

Categorías: Sustentabilidade

IN417Z - Subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (Bono enerxía peme) - 2024

Data de publicación: 29/11/2023

Data de inicio solicitude: 10/01/2024

Data de remate solicitude: 26/06/2024

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e persoas traballadoras autónomas do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Características da axuda

Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono asesoramento enerxético: Serán subvencionables:

i) Diagnoses enerxéticas que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análises de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado.

ii) Auditorías enerxéticas, que ademais do contido das diagnoses deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfica das instalacións, medicións lumínicas...) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.

O custo elixible máximo dos diagnósticos e auditorías enerxéticas dependerá do consumo enerxético anual da empresa (suma de todos os consumos enerxéticos: electricidade, gasóleo, gas natural, butano...) conforme o establecido.

b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. So serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior.

f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.

g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude recolla exclusivamente o bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

A contía da subvención será do 80 % do custe elixible da actuación.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude. A axuda asociada ao bono de asesoramento enerxético non computará para os efectos deste límite e virá limitada polos custos elixibles máximos establecidos.

O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, os 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea, os 40.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e os 20.000 euros para empresas do sector agrícola.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nas bases, as empresas legalmente constituídas e as persoas empresarias autónomas que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída na relación establecida nas bases.

Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.


Imprimir
Axuda