Dende 13 de xaneiro, 2025 - Ata 30 de setembro, 2025
Categorías: Tecnoloxías da Información Xestión Mercado
A finalidade destas axudas é a de incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2025 até a data da solicitude da axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá alcanzar os 10.000 €.
Non serán subvencionables en ningún caso impostos, intereses e gastos financeiros, e taxas.
As contratacións relativas á prestación dos servizos asociados aos tickets de innovación terán que estar realizadas e pagas dentro do prazo de execución, que abarca desde o 1 de xaneiro de 2025 até a data da presentación da solicitude.
Existen 6 modalidades de tickets Innova:
a) Estratexia e xestión da innovación.
b) Deseño para a innovación.
c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.
d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.
e) Preparación de propostas a programas e axudas europeas.
f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.
Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos.
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.
Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, e con forma xurídica de sociedade mercantil.