Axudas para a contratación de xestores de internacionalización - 2023

Dende 03 de maio, 2023 - Ata 05 de xuño, 2023

Categorías: Laboral Mercado

Acceda dende aquí

IG638A - Axudas para a contratación de xestores de internacionalización - 2023

Data de publicación: 03/05/2023

Data de inicio solicitude: 04/05/2023

Data de remate solicitude: 05/06/2023

Obxecto

Esta Resolución ten por finalidade conceder as axudas para facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –priorizando os mozos sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoia as pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo á disposición das pemes información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Características da axuda

Será subvencionable o salario bruto por conta allea a tempo completo de xestores de internacionalización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación, acordes coa finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección.

As persoas solicitantes que o desexen teñen ao seu dispor a bolsa de xestores de internacionalización do Igape, da que forman parte profesionais co perfil e formación orientados á internacionalización empresarial. Esta bolsa de xestores de internacionalización está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos. O Igape non se fai responsable da veracidade da información subministrada polos integrantes da bolsa e o beneficiario ten a obriga de comprobala. En todo caso, se a persoa beneficiaria da axuda contrata un xestor que non pertenza á citada bolsa, o xestor deberase dar de alta nesta na fase de acreditación da contratación. No caso de non constar a alta na fase de acreditación, seralle requirida.

Os contratos laborais subvencionables deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de duración de seis meses.

O período de contratación subvencionable será o establecido na resolución de concesión de axuda, sen que poida ser inferior a seis meses nin superior aos dezaoito meses.

O custo subvencionable estableceuse como un baremo estándar de custo unitario. Para determinar o seu importe tomouse como referencia o salario medio do sector do comercio en Galicia para o ano 2021, que segundo os datos da AEAT que constan no IGE ascendería a 19.238 €/ano (1.603,16 €/mes con rateo de pagas extra, sen incluír os custos extrasalariais).

A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado:

a) 85 % no caso de mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1988.

b) 90 % no caso de mulleres ou mocidade de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

c) 80 % no caso de profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1978 e antes do 1 de xaneiro de 1988.

d) 90 % no caso de profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1978).

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización. As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.

d) As persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise.


Imprimir
Axuda