Dende 06 de xuño, 2024 - Ata 30 de outubro, 2024
Categorías: Investimentos Mercado Emprendemento
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas do Bono remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional.
A finalidade desta Orde é evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente. Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúase do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.
O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que, previamente, estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.
A porcentaxe do prezo do contrato para subvencionar varía segundo a liña de axuda:
- Na liña 1. Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
- Na liña 2. Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.
No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos, o importe para percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugamento. O importe mensual do alugamento deberá figurar no contrato de remuda.
No caso de traspaso dunha sociedade e cando a remuda non inclúa a totalidade de participacións da sociedade, o importe da axuda será proporcional á porcentaxe de participación obxecto de remuda.
A intensidade da axuda, en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si:
- Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
- Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
- Que persoa que adquire o negocio teña os 52 anos feitos na data da solicitude.
- Que o negocio traspasado teña máis de 5 traballadores.
Igualmente, e no caso da liña 1. Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarse un 10 % máis cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
- Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
- Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
- Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.
Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios produtivos.
Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.
A remuda ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto, na persoa que traspasa o negocio, ten que se dar algunha das seguintes circunstancias:
a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.