Noticia_img

A Xunta salienta o apoio á creación de novas cooperativas coa Rede de polos de emprendemento

29 de maio, 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na clausura da presentación da iniciativa EspazoCoop Emprende que pon en marcha a Unión de Cooperativas Galegas para promover esta fórmula empresarial en Galicia. Puxo en valor a Estratexia de Economía Social con horizonte ata 2027 coa que o Goberno galego aspira a xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. O Goberno galego está a traballar no deseño da nova Lei de cooperativas para adaptala aos novos tempos contando coas achegas do sector. O orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinado á economía social en 2024 creceu nun 3%, chegando ata os 43,6 millóns de euros.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura da presentación de EspazoCoop Emprende, unha nova iniciativa que pon en marcha Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop) -tras recibir unha axuda da Unión Europea (UE) a través do Fondo Social Europeo+ no período 2023-2029 – e que vai en liña coa política da Xunta no eido da economía social.

O impulso do emprendemento no eido do cooperativismo é clave para o Goberno galego e, por iso, Fernández explicou que a través da Rede autonómica de emprendemento estase a ofrecer asesoramento a este tipo de proxectos e pertencente a calquera outra fórmula empresarial na fase na que se atope, de principio a fin. 

Na súa intervención, Fernández puxo en valor a aposta da Xunta pola economía social e, en particular, polo cooperativismo, unha fórmula empresarial de éxito en Galicia e que continúa a medrar: no último ano creáronse un total de 130 novas cooperativas, o que supón un crecemento do 7,69% con respecto a 2022.

Fernández fixo referencia á nova Lei de cooperativas, que está a deseñar o Goberno galego para adaptala aos novos tempos. Trátase de adaptar o actual marco regulador, que data de 1998, ao novo contexto socioeconómico, e de dar o impulso definitivo a este modelo.

A Xunta ten, ademais, en execución na actualidade a 2ª Estratexia da economía social, coa que aspira a xerar 4.000 empregos e a posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Esta planificación con horizonte 2027 conta cun orzamento de máis de 174 millóns, para  xerar máis economía social, atraendo talento, mellorando a competitividade e o crecemento en sectores emerxentes. Ata esa data a Administración autonómica espera o nacemento de 400 novas entidades e que a mocidade e as mulleres teñan maior presenza na economía social.

Con respecto ao punto de vista orzamentario, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración traballa para reforzar a economía social en Galicia cun investimento para este 2024 que aumentou nun 3% con respecto a 2023, polo que supera os 43,6 millóns de euros. O presupuesto artéllase en tres grandes eixes de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.