30 de setembro, 2025
Vigo, 30 de setembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reafirmou hoxe a aposta do Goberno galego por impulsar o emprendemento ligado ao territorio e poñer a disposición das persoas todas as ferramentas necesarias para facilitar a posta en marcha dos seus propios negocios a través de instrumentos clave como a Rede de Polos, que leva xa atendidos máis de 4.800 proxectos en toda Galicia. Destacou a importancia de apoiar o emprendemento que xorde aquí e queda aquí, porque vertebra a economía e contribúe a dinamizar o territorio, felicitando aos nominados e premiados na gala de hoxe como a mellor demostración da comunidade galega como referente de emprendemento en Europa, recoñecemento que xa lle valeu o galardón de Rexión Emprendedora 2025.
Así o sinalou durante a gala da XX edición do Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Vigo —á que tamén asistiron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía, Marta Mariño; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz— e durante a cal o conselleiro entregou o premio á mellor Iniciativa Emprendedora.
Alí tamén salientou o papel fundamental de entidades como AJE Galicia e AJE Vigo na defensa dos intereses dos mozos e mozas empresarios e como entidade clave no ecosistema emprendedor galego. E destacou que a colaboración público-privada é esencial para afianzar o desenvolvemento empresarial, e onde a Xunta —subliñou— avoga por ser unha administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e acompañando a autónomos e pemes nos desafíos que afrontan nun entorno cada vez máis esixente e para que a remuda xeracional sexa unha oportunidade real.
Así, sinalou a vocación emprendedora da comunidade galega, que ademais da Rede de Polos desenvolve accións ligadas ao territorio como o proxecto Fixar, coa segunda edición en marcha para continuar potenciando o modelo dos colivings co fin de atraer emprendedores a Galicia. Esta é unha das múltiples medidas encadradas na estratexia global de emprendemento á que se destinan máis de 32 millóns de euros neste exercicio e que se complementa co apoio ao propio tecido autónomo, cunha orde unificada dotada con máis de 40 millóns de euros posta en marcha este ano.
José González puxo tamén hoxe en valor a aposta do Goberno galego a prol da empregabilidade da mocidade, tanto por conta propia como allea, con medidas ligadas ao territorio e enfocadas a reter o seu talento.
Entre elas, destacou a futura Estratexia Mocidade Activa, dotada con 20 millóns de euros desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e baixo a que se inclúen apoios á contratación como os programas Investigo (4,8 M€), Primeira Experiencia Profesional (6,7 M€) ou Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€). Salientou tamén o foco na formación como panca de talento e subliñou a aposta estratéxica pola flexibilidade da formación para o emprego, no marco da cal Galicia será a primeira comunidade autónoma en regular as microcredenciais para o traballo. Esta medida permitirá ás empresas contar cunha oferta formativa complementaria á medida das súas necesidades e ás persoas traballadoras actualizar competencias de forma áxil para mellorar as súas oportunidades laborais.
23/10/2025
23/10/2025
23/10/2025