Noticia_img

A Xunta pon de relevo a colaboración con AJE Galicia para o fomento do emprendemento e da remuda á fronte dos negocios vertebradores do territorio

05 de xullo, 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participaron en Santiago na xornada Emprender, un oficio de risco, organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron o venres 5 de xullo en Santiago de Compostela na xornada Emprender, un oficio de risco organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia. Alí, ambos puxeron en valor o convenio de colaboración asinado coa entidade para o fomento do emprendemento e da remuda á fronte dos negocios que vertebran o noso territorio.

En concreto, destacaron que este convenio inclúe formación específica, a organización de congresos e de actividades de networking co gallo de difundir a cultura emprendedora e de impulsar novos proxectos que xeren emprego, especialmente na Galicia non urbana. O acto de hoxe, ademais de para difundir o convenio, serviu para falar de emprendemento e para tecer redes entre as persoas participantes.

Segundo se destacou hoxe, o convenio supón así mesmo a posta en marcha de medidas de asesoramento e de titorización para a creación de empresas, tamén ao abeiro da Rede de polos que conta xa con 14 centros activos no conxunto do territorio, tras o inaugurado esta mesma semana en Sarria. De feito, a xornada de networking celebrada na Cidade da Cultura enmárcase tamén na axenda dos Polos de emprendemento, que conta con diferentes propostas dirixidas tanto a persoas emprendedoras como ás interesadas en montar novas empresas.

No marco desa Rede, hoxe lembrouse que está a funcionar un plan para garantir a remuda xeracional á fronte dos negocios, cunha orde de axudas de 1,5 millóns de euros con prazo de solicitude aberto para que os interesados poidan solicitar o financiamento de parte dos gastos de transmisión das empresas das que queren coller as rendas.