20 de setembro, 2025
Pontevedra, 20 de setembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou no día da súa clausura a 12ª edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, apoiada desde os seus inicios pola Xunta. Alí, puxo de relevo a aposta da cita polo emprendemento innovador ligado ao territorio co gallo de darlle un pulo ao tecido económico da nosa Comunidade.
En concreto, o conselleiro referiuse ás 40 iniciativas que participan nesta edición da feira para presentar as súas ideas de negocio (arredor da metade delas asesoradas no marco da Rede de polos da Xunta), tras seren seleccionadas de entre as máis de 150 candidaturas recibidas. Propostas que botan man da Intelixencia Artificial, da innovación aplicada a sectores como o agroalimentario ou da artesanía galega con vocación sostible, ratificando que a meirande parte do emprendemento que concorre ao evento procede do rural e, ademais, é liderado por mulleres.
Enxalzando o emprendemento dinámico como vertebrador do territorio e fixador de poboación, apelou á prioritaria remuda xeracional para seguir dándolle vida aos negocios e comercios das vilas e cidades. Referiuse a sinerxías da Xunta como a coordinación entre as oficinas de emprego e a Rede de polos, avogando pola especialización e atendendo aos sectores estratéxicos de cada contorna, contando co talento interno pero tamén co potencial dos galegos e galegas do exterior que desexan retornar e contribuír ao crecemento da nosa terra.
Precisamente ao respecto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, o titular de Emprego destacou que leva atendido máis de 4.700 proxectos nas súas 15 oficinas, preto de 1.400 deles nos centros pontevedreses de Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa. Todo isto, destacou, no marco dos 32 millóns de euros destinados polo Goberno galego neste 2025 a reforzar o emprendemento, avogando pola suma de esforzos para lograr resultados máis eficaces.
O conselleiro salientou o dinamismo especialmente do emprendemento no eido da economía social, celebrando que Pont-Up Store se sumase á iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que declarou este 2025 Ano Internacional das Cooperativas, para destacar o papel fundamental desta fórmula no desenvolvemento sustentable, na erradicación da pobreza e na promoción dun crecemento económico inclusivo.
Neste contexto, recordou o avance na tramitación da nova Lei de cooperativas de Galicia, ao tempo que destacou a actividade artística As cooperativas inspíranos que se despregou na feira no marco da Rede Eusumo impulsada pola Xunta, consistente na creación dun mural que reflicte os valores do cooperativismo.
A maiores, sobre a industria cultural, o Goberno galego organizou O Camiño do emprendemento musical, unha actividade dirixida a mozos e mozas que estean barallando o sector musical como unha saída profesional.
José González concluíu a visita poñendo en valor Pont-Up Store como un espazo ideal para presentar ideas novas ante mentores e investidores, fomentando a innovación e a interacción. Animou á Asociación Pont-Up Store a seguir por este camiño, promovendo o emprendemento a través tanto dos diferentes postos como das múltiples actividades que organizan cada ano para seguir dando forma ao tecido produtivo galego.
23/10/2025
23/10/2025
23/10/2025