Subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico - 2022

Dende 02 de decembro, 2022 - Ata 30 de marzo, 2023

Categorías: Investimentos Sustentabilidade

Acceda dende aquí

TU986B - Subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico - 2022

Data de publicación: 02/12/2022

Data inicio de solicitude: 03/12/2022

Data remate de solicitude: 30/03/2023

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións da Axencia Turismo de Galicia para actuacións de eficiencia enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, ás empresas turísticas no marco do Plan de modernización e competitividade do sector turístico.

As subvencións teñen por obxecto a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Están incluídas as seguintes tipoloxías: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.

Os establecementos que pretendan acollerse á subvención teñen que conformar a totalidade da edificación e destinarse integramente a aloxamento turístico. Para estes efectos, considérase que tamén conforman a totalidade da edificación aqueles aloxamentos turísticos con locais de restauración integrados na edificación con acceso directo desde a vía pública, sempre e cando os locais de restauración correspondan á mesma persoa titular do establecemento de aloxamento turístico, estean de alta no REAT nalgún dos grupos de clasificación do artigo 77 da Lei 7/2011 e o proxecto presentado sexa unha intervención completa no conxunto do edificio.

Características da axuda

A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida no anexos II e III da resolución, cun límite de 150.000,00 euros (IVE excluído) por proxecto subvencionable.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá realizar un gasto efectivo, que deberá xustificar, de polo menos 5.000,00 euros (IVE excluído) no proxecto subvencionable.

As actuacións subvencionables deben cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo III da resolución e encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:

a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios (tipoloxía 2).

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).

As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, sempre que sexan edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico: hoteis e pensións, previstos no Decreto 57/2016, do 12 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, previstos no Decreto 191/2004, do 29 de xuño, de establecementos de turismo rural, albergues turísticos, previstos no Decreto 48/2006, do 21 de abril, polo que se establece a ordenación dos albergues turísticos, e apartamentos turísticos, previstos no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas actuacións deberán alcanzar, entre outras, as dúas condicións seguintes:

– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida.

– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2 /m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

Para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar, e non é necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

Considéranse custos elixibles ou subvencionables aqueles que sexan necesarios para conseguir os obxectivos enerxéticos do Plan de modernización e competitividade do sector turístico e determinados no anexo III da resolución.

Para os efectos do cálculo da axuda que corresponda ás actuacións subvencionables das subtipoloxías 2.1, 2.2 e 2.3 da tipoloxía de actuación 2, deberán terse en conta os custos máximos elixibles fixados no anexo III da resolución.

A intensidade da axuda será a suma da axuda base e da axuda adicional que puidese corresponder, en cada caso, en función do cumprimento dos criterios que se indican no Anexo II da resolución.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), sempre que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:

a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.

b) As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma obxecto do Acordo do 29 de marzo de 2022.

As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.


Publicación DOG

Corrección erros

Ficha informativa sede electrónica

Imprimir
Axuda